Wednesday 01 de May de 2024

O Concello de Frades organiza a segunda edición das súas Xornadas Micolóxicas, que terán lugar o sábado 29 de outubro


Inclúen unha charla do biólogo Martín Souto, unha saída ao monte a apañar cogomelos e un xantar-degustación nun restaurante de Frades

O Concello de Frades organiza a segunda edición das súas Xornadas Micolóxicas, que terán lugar o sábado 29 de outubro. Unhas xornadas abertas a todos os públicos, se ben os veciños e veciñas empadroados en Frades terán prezos especiais: 18 euros adultos e 10 euros menores de 12 anos, fronte aos 25 euros adultos e 15 euros menores non empadroados. As inscricións deberán realizarse antes do 24 de outubro no Concello de Frades ou no teléfono 981 695 567.

As II Xornadas Micolóxicas comezarán ás 9:00 horas do sábado 29 de outubro cunha charla de introdución á micoloxía a cargo de Martín Souto, biólogo da USC, que lles ensinará aos presentes as diferenzas entre comestibles e tóxicas. Tras un pequeno refrixerio, os participantes sairán a un monte próximo a recoller cogomelos. Ás 14:30 horas terá lugar un xantar-degustación de cogomelos nun restaurante do concello e pola tarde, ás 17:00 horas, o multiúsos de Frades acollerá unha sesión de identificación e exposición dos cogomelos apañados durante a mañá.

O número de prazas é limitado, tendo preferencia os empadroados no Concello de Frades. Para levar a cabo a actividade será preciso xuntar un mínimo de 15 participantes e os menores de idade deberán ir acompañados por un adulto.